Tres académicos da Academia de Enfermaría de Galicia Luis Aranton, José María Rumbo e Ana Calvo, interviñeron na Mesa 6, dedicada á excelencia nos coidados, dentro dun encontro que reuniu a profesionais sanitarios de toda a área de Ferrol
O Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acolleu o pasado 21 de maio a II Xornada de Enfermaría 2026, organizada pola Dirección de Enfermaría da área Sanitaria de Ferrol. O encontro, celebrado baixo o lema «Os nosos profesionais, o noso futuro. 50 anos coidando e avanzando», combinou a celebración da Enfermaría co marco especial do 50 aniversario do propio hospital ferrolán.
Segundo os organizadores, este encontro de profesionais e categorías sanitarias vinculadas á Dirección de Enfermaría «concíbese como un evento para o avance e consolidación da Enfermaría da área, desde a creación do Hospital». Desde o Comité Organizador subliñan que «esta xornada representa unha oportunidade única para o intercambio de coñecementos, o debate sobre o acontecido neste percorrido de 50 anos, e mesturado coas prácticas clínicas innovadoras no campo da saúde».
A Academia de Enfermaría de Galicia, presente na Mesa 6
Entre as distintas mesas e talleres de práctica clínica que conformaron o programa da xornada, destacou a participación da Academia de Enfermaría de Galicia, representada por tres dos seus académicos: Luis Aranton, José María Rumbo e Ana Calvo, que interviñeron na Mesa 6: «A excelencia nos coidados».
Esta mesa puxo o foco en distintos programas de saúde e procedementos baseados en evidencia científica que garanten a excelencia asistencial. Entre os contidos abordados atopábanse o programa YAM, como estratexia de prevención primaria en saúde mental; o programa Úlceras Fóra, de longa traxectoria e con recoñecemento e galardóns internacionais; e unha revisión práctica sobre que non se debe facer no manexo de feridas.
A presenza da Academia neste espazo reforzou o compromiso institucional coa difusión do coñecemento científico e a promoción das boas prácticas no coidado enfermeiro, en sintonía co espírito da xornada.
Un programa completo con pósteres, premios e actividades culturais
Todas as mesas e talleres da xornada foron desenvolvidos por expertos e profesionais con amplo coñecemento nas temáticas abordadas. Ademais, presentáronse 24 pósteres científicos, dos que o comité científico seleccionará os 8 mellores para a súa defensa nunha rolda de avaliación durante o propio encontro, coa posterior entrega de galardóns aos traballos máis destacados.
A xornada tamén reservou espazos para o lecer musical e para un percorrido singular pola historia da Enfermaría, a través dos tradicionais recortables doutras épocas, cunha mirada nostálxica e creativa sobre a evolución da profesión.


