A Academia de Enfermaría de Galicia, coa colaboración da Consellería de Sanidade, convoca a:
I Edición dos Premios de Investigación en Enfermaría 2026
Esta iniciativa foi creada para dar visibilidade ao talento investigador da enfermaría galega, recoñecer a calidade científica e a transferencia do coñecemento á práctica clínica e á saúde comunitaria.
Esta primeira edición nace co compromiso de estimular a produción científica orixinal e inédita, apoiar o desenvolvemento disciplinar da enfermaría e contribuír á excelencia dos coidados na nosa comunidade.
A convocatoria está dirixida a enfermeiras e enfermeiros que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a equipos de investigación que cumpran os requisitos establecidos nas bases.
- Destinatarios: Poderán presentar os seus traballos enfermeiras/os que desempeñen a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (consultar nas bases as especificidades para equipos de autoría colectiva).
- Dotación económica: conta cunha dotación total de 4.000 €, distribuída en:
– Primeiro premio: 3.000 €
– Segundo premio: 1.000 €
- Requisitos dos traballos: Os traballos deberán ser investigacións orixinais, inéditas e de excelente calidade científica, con relevancia para a disciplina enfermeira e con impacto na práctica clínica, na saúde comunitaria ou na mellora dos coidados.
- Prazo de presentación: permanecerá aberto ata o 15 de novembro de 2026, ás 23:59 h (hora peninsular)
- Envío de candidaturas: Os traballos deberán remitirse por correo electrónico ao
secretaria@academiaenfermariagalicia.org
A investigación enfermeira transforma os coidados
Desde a Academia de Enfermaría de Galicia animamos ás enfermeiras e enfermeiros de Galicia a participar nesta primeira edición e a compartir investigacións capaces de xerar coñecemento, mellorar a práctica profesional e contribuír á saúde da cidadanía.